
Certamente, non foi sen tempo. Levábamos varios anos tentando xuntarvos no noso lugar para coñecernos, compartir, aprender e planificar para o futuro, que hai moito que facer.
Xuntámonos tres xeracións de muiñeiros. Parece que de determinados oficios un non se xubila nunca nin perde a coraxe. Respecto!










O encontro pretendeu ser o comenzo dunha nova andaina polo Universo da Muiñeiría.
Programa
12h Acollida e vermú muiñeiro no Muíño de Arnoso
O tempo axudou para o vermú e as empanadas
13:30h Xantar no Local da Asociación Cotarel

O noso agradecemento a quen nos trouxo o año, a Jose por darlle albergue un tempo, a Eusebio polo apoio loxístico, en especial a Constante pola marabillosa preparación, a Manuel polo enfornado e a Belén e Ramón pola súa amable acollida.
Desfrutamos do cordeiro do Courel facilitado por Roi Estévez.
15h As Roldas do Muíño. 1ª Sesión: Pola de agora á 0 rpm
Sabemos algo do pasado e do presente, mais, ¿que lle queremos de futuro ós muíños?
A memoria recente da recuperación dos muíños galegos abrangue os derradeiros 40 anos e pódese dividir en dúas etapas.
Na primeira, en numerosos lugares, veciños e asociacións foron quen de, dende unha morea de pedras reconstruir as edificacións, facer de novo os mecanismos e resucitar os muíños.
Nunha segunda etapa, con máis directrices e supervisión que axuda das administracións, tratábase da “posta en valor” de tales edificacións e a súa simboloxía.
O mundo ten ido cambiando tanto nestas décadas que o modelo turístico-furanchista imperante xa non abonda e pode que teña os días contados.
Propostas e tarefas para próximas actividades conxuntas
Coma sempre ocorre, porque ten que ser así nas primeiras veces, saímos con máis preguntas que respostas, pero con ganas de seguir camiñando xuntos.
Unha tarefa inicial e fundamental é artellar un espazo común de comunicación no que compartir as distintas actividades dos muiñeiros e das asociacións.
Compostores deliberando https://youtube.com/shorts/KDwHb4gZN1M
Non deu para videoconferencia cos que que non poideron vir.
Quen queira ir compartindo materais, propostas xa o pode ir facendo. Estamos a preparar espazo para albergar o Fondo Documental. Agradezo se podedes seguir achegando algunha foto ou documentación sobre os vosos lugares e inquedanzas en Deixa unha Resposta óu algodeceres@algodeceres.com.
Non esquecer as próximas Roldas, ¿quen quere colaborar?
Participantes
Nemesio Carballido

La Molinera
O Couso Guláns
Pepe e Miguel Seoane

Muíño da Bechiña
San Lourenzo de Arnoso
Manuel Boubeta
RESTAURACION DO MUIÑO DE FAUSTO – COIRO – CANGAS DO MORRAZO
Xoan Chillón Iglesias, un algo de historia: Muíño de Fausto e Cacarexo
ANTECEDENTES
Se reparamos na historia dos Muiños de Coiro, estudiada polo investigador Lauro Pedreira , xa existen documentos que datan do ano 1.586. A existencia de muiños na nosa parroquia viña dada porque as circunstancias xeográficas así o facilitaba arredor de dúas pequenas cuncas hidrográficas moi ben aproveitadas. Os ríos Bouzós e Saiñas, constituían unha base axeitada para que se desenvolvesen os muiños. Na comarca do Morrazo contamos cun documento de Domaio, ano 1.614 onde fala do cultivo do millo. Un século máis tarde, no coñecido Catastro de Marqués de Ensenada, datado en 1.752, contabilizabanse xa 32 muiños en Coiro, construccións todas sinxelas, de reducio horizontal e de 1 ou 2 rodas “negreiras”, agás un no lugar de Reboredo que tiña 3 rodas.
Os máis de corenta muiños cos que contaba a parroquia sobre 1950 comezaron a desaparecer. Varias causas influiron neste decaemento actual. Como ben comenta a tamén investigadora local, Maribel Barreiro, o cambio na alimentación do pan de millo a prol do pan de trigo; a disminución da cabana gandeira, consumidora tamén en parte destas fariñas ( de 200 cabezas censadas hai 30 anos a menos de 10 na actualidade); o cambio de sistema de vida, abandono do campo a prol da industria e servizos, e, por último, a introducción de muiños eléctricos, contribuiron decisivamente á situación de hoxendía.
PROXECTO DE RESTAURACIÓN DO MUIÑO DE FAUSTO
O fin didáctico é o eixo fundamental desta iniciativa. Pretendíamos que o proxecto de restauración dun exemplo da arquitectura popular máis representativa da parroquia fose para toda a comunidade veciñal e escolar un fermoso espello de defensa e recuperación do patrimonio histórico-cultural, de dignificación dos valores do seu medio. E así, a principos do ano 1989, Profesorado do centro de Castrillón, ANPA, Xunta de Montes Veciñais, sensibilizados por este pensamento, estudiaron conxuntamente as posibilidades de restaurar un muiño. A proximidade e accesibilidade ó centro escolar, o estado da construcción, a boa disposición dos propietarias/os, foron factores que se tiveron en conta á hora de tomar unha decisión. O muiño a restaurar está localizado entre os barrios de A Rosada e de A Devesa. A configuración é relevante co entorno e comunica a través dun camiño coa Fonte das Ameneiras. O seu nome popular é “de Fausto”, tamén de A Rosada, construido aproximadamente cara 1.890, denomeación que recibe do seu homónimo, propietario usufructuario no seu tempo. Aquela ilusión plasmábase no Proxecto de Restauración. Aspectos como o inicio dun Catálogo Histórico-Artístico de ámbito parroquial; a creación dun Museo do Muiño onde se recollerían utensilios e instrumentos relacionados con esta forma tradicional ( prendas, medidas,..), o arquivo, inventario e catalogación destas construccións, un panel didáctico do seu funcionamento, arquivo fotográfico, literatura oral e musical,..e o amor á natureza. Os valores medioambientais deberían estar presentes na conservación e acondicionamento do entorno, lavadoiro, e o propio curso do río.
A partir deste momento realízase un Informe Técnico, co asesoramento e a supervisión dun arquitecto titulado e veciño colaborador da parroquia. As obras de acondicionamento e demoición, cantería, carpintería de taller e armar, cuberta, elementos mecánicos do muiño, ascenden no seu presuposto de execución material a 652.000 ptas.
Co fin de financiar as obras xestionase a concesión de axuda económica á Xunta de Galiza – Dirección Xeral de Patrimonio Histórico-Artístico – que aporta a cantidade de 200.000 ptas no mes de outubro do mesmo ano 1989. Un mes máis tarde, paralelamente á xestión anterior, a Xunta de Montes en Man Común da parroquia contribúe a facer realidade esta ilusión, sufragando a diferencia ata o custe total.
CONSTITUCIÓN DO CONSELLO PADROADO “MUIÑO DE FAUSTO”
Existen máis dunha ducia de veciñas/os vinculados á propiedade, acadándose un Acordo entre todas as partes no mes de xuño dese mesmo ano. Asemade, para que esta recuperación tivese o maior futuro, debíase implicar a todos neste proxecto, xurdindo a idea da constitución dun ente que integrase a todos. O 2 de agosto de 1990 constitúese o Consello Padroado “Muiño de Fausto”. Ao longo destes máis de 18 anos de funcionamento téñense modificado aspectos así como incorporado novas persoas. En crónica das xestións realizadas reseñemos as realizadas para liquidar o final de obra, adquisición de novos terreos na área de influencia, a organización de xornadas culturais e festexos, elaboración de fichas de actividades e paneis didácticos, recollida de literatura oral, promoción de visitas a particulares, colectivos e centros educativos, proxectos da Rota dos Muiños, edición da revista informativa, obras de mellora e acondicionamento do interior do muiño e o seu entorno, filmación e proxección de videos didácticos, exposicións fotos, etc.
FESTA DO MUIÑO. XORNADAS CULTURAIS
Coa finalidade de salientar a construcción restaurada, proponse a celebración dunhas Xornadas festivo-culturais arredor do primeiro domingo do mes de maio de 1990. Coa ilusión primeiriza de todas as persoas implicadas no mesmo, os días 1,2,3 e 4 de maio dese ano celébranse as I Xornadas Culturais Muiño de Fausto. Unha festa singular, como ten calificado o investigador local Xerardo Dasairas, “singular esta celebración por ser das poucas que, prescindindo da advocación relixiosa, ten a unha figura laica como eixo conmemorativo. Incluso o gastronómico, tan de moda hoxendía, aparece tan só como elemento complementario nesta exaltación dunha máis senlleiras construccións..”. Ó longo deste tempo, o primeiro fin de semana de maio, de 1990 ata hoxe, é xa un referente no calendario festivo de toda a comarca e área de influencia.

EDICIÓN DA REVISTA CACAREXO
Debíamos dar un paso máis. Alá polo ano 1.992, un novo proxecto faise realidade: a edición dunha revista – boletín informativo sobre o mundo dos muiños. Imos transcribir parte daquela primeira editorial: “… Nesta primavera que demanda o tan necesario líquido elemento, nace “Cacarexo”. Cacarexo, tarabelo, vara, tenxedoiro, tráquea, tangaño, .. é, como ben sabedes, ese pau que toca na mó producindo unha vibración que fai trequelear o caixón no que está o grao que se vai a moer, que fai beilar o grao por se queda parado no adellón, o sinxelo instrumento que interpreta a melodía do muiño. Cacarexo pretende ser esta peza necesaria de sensibilización de amor ó entorno e á arquitectura popular, esa fonte de ilusións e esforzos co fin de recuperar esa antiga forma tradicional de uso, esa batuta musical que nos compromete, ano tras ano, a seguir impulsando todo o que forma parte desa ponte histórica-cultural entre o pasado e o futuro. Con Cacarexo tentamos moer cada primavera un proxecto informativo e de investigación, aberto a todo tipo de colaboración. Escoller todo tipo de fariña en relación ó mundo dos muiños é o noso obxectivo. Muiños de Coiro, do concello, da comarca, do país, historia e presente, literatura oral, música, folclore, recetarios, conformarán os pratos de cada menú anual….”. Con algunha paréntese por diferentes causas, seis números desta Revista Boletín sobre o mundo dos muiños, xa teñen visto a lus para satisfacción de todos. Colaboradoras/es desenvolveron os seus coñecementos, estudios e investigacións nas mesmas. Todos os muiños do concello estiveron presentes nas súas páxinas, o pregón de cada edición da festa, esquemas e debuxos técnicos, apuntes da historia, teñen contribuido a esta sensibilización.

Muíño de Fausto
Coiro
Alberto Romero “Romer”
Alberto Romero, Romer. Nacín en Randufe de Tui no barrio do Lugariño no ano 1948, na actualidade vivo na mesma parroquia en Chan da Ferreira. Gustoume sempre ir ao muíño. O meu avó tiña moitas terras para traballar e moito gando que había que darlle de comer, tendo que ir moer unha ou dúas veces á semana. Cando saía da escola en non poucas ocasións ía co compostor para axudar no arranxo do muíño. Gustoume sempre estar a carón do muíño. No ano 1999 decidín arranxar dous muíños no Río Tripes (Tui) que estaban en moi mal estado. No ano 2007 formei a Asociación Muiñeiros do Río Tripes e xa arranxamos máis muíños. En total, neste río hai 42. Na actualidade xa non presido a referida asociación, pero de cando en vez fago algunha andaina pasando polos muíños e subindo ata o alto do Aloia. Algunha muiñada tamén fago se hai auga suficiente. Gústanme tamén as muiñadas nocturnas, facer o serán, lembrar vellos contos e crenzas como as dos trasnos, o estudo da toponimia, dos vellos camiños coas súas rilleiras, das covas. Desde 2016 son socio do Clube Espeleolóxico Maúxo. No ano 2022 o concello do meu pobo deume o Premio Cidade de Tui.

Fago escultura en pedra e madeira. Toco a gaita e fago poesía. Constrúo pequenos muíños de man onde os nenos desfrutan moito. Teño escrito e editado tres libros –Dende o Monte Aloia, 2002. Aloianos, 2018. Randufe de Tui, 2025- nos que trato sobre diversos temas, pero nunca falta algo escrito sobre os muíños porque desde que se rompe a pedra no monte ata que se pon a moa a facer fariña, hai moito que contar.

Muíño no Tripes
Luis Albés
O moinho da Brasileira forma parte dos moinhos do Rio de Cerdal, tamén chamado Rio da Mira, Rio Tinto ou (século XIII) Rio Torto. Este rio nace na encosta occidental da Serra de São Lourenço nas fontes por riba do Convento de Mosteiró, xa na parroquia de Tãiao, e nas fontes do Monte da Groba ou da Gróvea, que dicían antes. Logo de xuntarse os nacentes, o rio atravesa o lugar de Bade. En todo o rio, xa no 1758, contábanse 40 moinhos.
O moinho está entre os tres últimos depois das casas, xa perto do lugar de Mira. Estes tres Moinhos son alimentados por unha longa levada que colle água do mencionado rio que baixa de Mosteiró e están inmediatos aos Campos do Galhardo, topónimo xa usado no século XVI. Hai quen afirma que esa levada foi planificada e construida por mandato dos frades dese convento fundado a finais so século XIV e varias veces reformado até a súa venta en pública subasta en 1834.
Nas últimas décadas de actividade o Moinho da Brasileira, aparte de moer, tamén producía electricidade mediante dinamo. Foi reformado estructuralmente en 2024, (pedra, madeira, tellas) e agora na espera de artellar o mecanismo musical da moenda.

Moinho da Brasileira
Portugal, Cerdal
Marcos Alonso
Marcos Alonso Rodrigues, veciño da freguesía de Matamá (Vigo), é membro fundador da Asociación Colectivo Cultural Alternativo Malaherba. No ano 2006 iniciou, xunto con outros veciños, a teima de recuperar o muíño da Regueira, situado en Matamá, que quedara completamente sepultado tras as obras do vial de acceso sur á Zona Franca. Grazas a este labor, en 2011 o muíño volveu moer despois de setenta anos de silencio.

Muíño da Regueira
Matamá
No 2020 asumiu un novo reto: restaurar outro muíño, desta volta da súa propiedade. Trátase do muíño da Tomadiña do Cercado, construído no ano 1565 e localizado en Matamá, ao pé dunha fermosa fervenza. O resultado do seu traballo viu a luz en 2021, cando o muíño regresou á vida e volveu cumprir a súa función.

Muíño da Tomadiña do Cercado
Matamá
Alén do seu labor de recuperación patrimonial, Marcos Alonso é coautor de dous libros sobre a historia de Matamá e organiza, dende o ano 2012, dúas celebracións que xa se converteron en tradición na parroquia: a Festa da Sementeira do Millo e a Festa da Recolleita.
Presentación do libro Matamá unha ollada ao pasado o 17 de maio de 2022 no Auditorio da Sociedade Atlántida no YouTube
Carlos Chan de Brito
Carlos Gómes Costas, de Chandebrito. Directivo da Asociación Chandebrito 1807. Promoveu a recuperacion e funcionamento do muiño dos Matos e da súa contorna, a reconstrución do muíño das Loureiras, o proxecto de restauración do de Rodas, e o mantemento do muíño das Chans, todos eles en Chandebrito, Nigrán. Ademais, redactou un artigo sobre os once muíños desta parroquia, publicado polo IEM: Revista de Estudos Miñoranos 4, 2004, 63-69
Campio de Valadares
Campio Salgueiro Estévez, de Valadares. Presidente da Asociación de amigos do camiño a Santiago sen asfalto. Participou activamente na restauración e posta en funcionamento dos muíños dos Matos (Chandebrito ), do Vento (Zamáns), da Senra (Valadares), entre outros.
Muíño do Vento no Facebook: https://www.facebook.com/photo.php?fbid=9809013175811615&id=100001090906748&set=gm.1014041380243686

Muíño do Vento
Zamáns
O Muíño da Senra no Facebook: https://www.facebook.com/permalink.php/?story_fbid=1628570224090837&id=100057474489251
Valadares

Muíño dos Matos
Chan de Brito
Segunda festa do Muiño dos Matos: https://chandebrito1807.blogspot.com/2016/11/segunda-festa-do-muino-dos-matos.html
Valadares
José de Beade
Xosé Manuel Docampo, de Beade. Participou activamente na restauración e posta en funcionamento do Muíño da Cova (Beade, Vigo)
Beade
Germán Berto
Germán Berto, de Sárdoma. Participou activamente na restauración do Muíño do Burro (Bembrive, Vigo).
Sárdoma
Pepe Carvalho
Corría o ano 1984; na Galiza e no noso concello, Cotobade, fervían as ansias de pór en valor a nosa cultura, o noso patrimonio material e inmaterial, as nosas tradicións… E posto que nos atopamos ante unha bisbarra rural, todo o seu potencial etnográfico, de costumes ancestrais e cunha paisaxe e xeitos de vivir naturais e en común-unión coa natureza, fan deste territorio un magnífico exemplo a divulgar.
Pero, a pesares disto, esta realidade permanecía escondida. Non tiña excesivo interese para os medios de comunicación do país.

Velaquí fragmentos de Muíños azuis, gravación facilitada por Pepe Carvalho, reconstrucción e mecanismos, marabillosa testimuña dos tempos nos que moitos muíños aínda eran infelices e indocumentados.
Os políticos e as institucións non reparaban na necesidade de manter e conservar tamén estas mostras patrimoniais, mantidas polos nosos antergos ata facía pouco tempo.
A vida na aldea tamén estaba mudando. O asociacionismo tivo un grande pulo nestes anos: asociacións de veciños, de montes en man común, culturais (gaiteiros, bandas de música, grupos de baile tradicional, de teatro…), reivindicativas…
Asociacións ecoloxistas, naturalistas, de conservación do patrimonio, de exaltación da nosa cultura e das nosas tradicións comezaban a ter resonancia na sociedade civil. Non tanto na política, na prensa ou na Galicia oficialista.
Os medios de comunicación seguían a ver estas manifestacións como algo folclórico, sentimental, pero non como unha aspiración lexítima dunha sociedade moderna que quere recuperar o seu pasado, as súas tradicións e os seus espazos naturais.
Neste contexto nace o colectivo Amigos dos Muíños.
Amigos dos Muíños: https://amigosdosmuinhos.collectanea.org/

Moinho do Cura, Sam Jorge de Sacos, Cotobade
Ramiro Barros

Especial agradecemento a Ramiro, co seu libro sobre os muíños de río nas terras de Pontevedra foi a nosa guía a distancia na recuperación do Muíño de Arnoso e transmisor do verme da muiñoloxía.
Muíños de Río das terras de Pontevedra
Ramiro testifica dende onde o mundo chámase Cotobade e quere compartir a súa obra.
Moinhos e outros engenhos hidraulicos Terra de Cotobade
A Bichería Terra de Cotobade 5
Cotobade
Xavier Groba
Xavier Groba (Vigo, 1968) secretario do Clube Espeleolóxico Maúxo. Profesor e investigador de varios temas relacionados co patrimonio inmaterial e material. Entre eles, o tema dos muíños ten sido, certamente, moi secundario, apenas cando se tivo que reivindicar a súa existencia nalgún dos traballos maúxos realizados sobre a Historia de Chandebrito (1996), As covas do Folón (2004) ou nas vitoriosas alegacións ao PXOM de Vigo do ano 2008 etc. Desde 2016, no Clube contamos con Romer, o que nos ten feito interesar moito máis sobre muíños e muiñadas. O que si ten sido un vello obxecto de estudo, divulgación e defensa maúxa, son os Muíños Rupestres. Primeiro tipo de equipos de moenda do país que se caracterizan por localizarse en soportes fixos, non móbiles, nas rochas ao aire libre, moitas veces asociados con petróglifos prehistóricos.
Para máis información podedes entrar na páxina do noso socio Ángel de Prado que leva por nome Petroglifos do Maúxo e no apartado de teoría abrir https://petroglifosdomauxo.com/teoria/ para poder ler o artigo asinado polo tamén maúxo José Bernardino Costas Goberna onde, entre outros temas, trata destes muíños. Na mesma páxina tamén tedes acceso a un video sobre estes artefactos de moenda prehistóricos https://www.youtube.com/watch?v=f-1WQb_y3eI&t=10s E para quen desexe máis información consúltese o publicado polo noso maúxo arqueólogo, Eduardo Méndez-Quintas, en coautoría con Xurxo Pereira e Mª Pilar Prieto, nunha actualizada ollada a estes “equipos de molienda rupestres” https://doi.org/10.12795/spal.2022.i31.05 aínda pouco estudados porque non fai tantas décadas que comezaron a ser recoñecidos por investigadores entre os que cómpre lembrar a Julio Fernández Pintos, Xoán Martínez Tamuxe, Cándido Verde, Xosé Álvarez “O Buraco” ou Xosé Lois Vilar.

O Maúxo
Xabier Lores
Dos Amigos dos Muíños á Asociación Galega de Amigos dos Muíños
(…) “Amigos dos Muíños” reclama, e loita por conseguilo, que todalas aldeas de Galicia conten, polo menos, cun muiño restaurado que sexa expoñente significativo dunha particular cultura popular, e segue traballando arreo para que este proxecto, asimilado xa pola sociedade rural, sexa asumido polos entes públicos para que Galicia siga ofertando esa alternativa turística que como verxel natural lle corresponde.
A Asociación Galega de Etnografía e Muiñoloxía “Amigos dos Muíños” nace en novembro 1995 trala conclusión das “I Jornadas Nacionales sobre Molinología”, Santiago de Compostela, organizadas pola Fundación Juanelo Turriano en colaboración co Seminario de Sargadelos e o Museo do Pobo Galego.
A Asociación Galega Amigos dos Muiños constituise formalmente no Museo do Pobo Galego o día 27 de Decembro de 1995 coa finalidade do estudio e divulgación da cultura popular en torno ós muiños e a restauración e conservación dos mesmos.
A partires de 1997, coa inicial en Allariz, realizáronse periódicamente Xornadas Temáticas en distintas localizacións. Salientar as de novembro 2005 en Tui, sobre Os Muíños nos Camiños de Santiago e, igoalmente en Tui no 2012, a Xornada en formato VIII Congreso Internacional de Molinología, Actas 8º Congreso Internacional de Molinología – Tui 2012
Perante varios anos fíxose un esforzo de documentación dixital, consignando máis de 2500 muíños galegos.

Dezasete arquivadores que recollen as actividades da Asociación repousan plácidamente no Museo de Ponteareas, agardando estudo.

ASGAMUI
Arbo
Barbara e Carlos Fernández
Muíño construido probablemente a mediados do século XIX, só dende o 1933 témoslle pista documental. Orixinalmente tiña tres móas, algo un tanto sorprendente para un muíño de levada con caída <1m nun río de modesto caudal. Dende principios do século XX funcionaba só con dúas, actualmente consérvase unha móa. Logo de décadas parado, no 2017 volveu a moer. Picón non nos abonda. O desafío agora é afinalo e aprender para obter fariñas sabrosas.

Muíño de Arnoso
San Lourenzo de Arnoso
Neste día non nos poideron acompañar Eva, Jorge, Antonio e Roi
Eva Pérez Carballo e Alfonso
Antiguo muíño na beira do Río Pesqueiras, chamado Muíño da Ponte, un dos dóus fariñeiros da localidade.

Muíño de Pesqueiras
O Saviñao
Jorge Costas Solha

Muíño do Regueiro
Chan de Brito
Antonio Araúxo
Muíño de herdeiros que sigue funcionando e moendo millo dende hai mías de 200 anos.

Muíño de Quintas
Toucido, Gondomar
Roi Estévez
O muíño toma as súas augas do río Selmo, que nace na Serra do Courel e desemboca no Sil en territorio do Bierzo

Muíño de Vieiros
Próximas Roldas

- Xuntanza de Paxareiros
- Xuntanza de Pescadores
- Xuntanza de Retratistas
- Xuntanza de Músicos
- Xuntanza de Panadeiros
Aparte de
- Límpame a levada: Xornada de explotación colaborativa
- De novo moendo
- Adobando Sendeiros
- Punto de intercambio de libros no rural
Proposta CIMA

Os tres alicerces: Patrimonial, Medioambental e Agroalimentario
Almaneque 2025
